15/12/15

Ata pronto, Frank

Só nos queda despedirnos e, por suposto, dar as grazas.

 
 
MOITAS GRAZAS, MIGUEL ANXO

Mollados, pero satisfeitos

Xa está feito. O traballo de todo o trimestre sobre a novela Bícame, Frank remata con este roteiro que levamos a cabo ao longo do día de hoxe.
 
Comezamos moi ben, nas instalacións de Exposalnés cedidas xenerosamente polo Concello de Cambados, mantendo un interesante encontro co autor, Miguel Anxo Fernández, que nos contou moitos detalles sobre a obra (como, por exemplo, que se inspirou para crear o personaxe de Frank na súa madriña, una galega emigrada en Nova York) ou sobre como escribe (sorprendentemente comeza as historias polo final!!!).

O escritor rematou animando ao alumnado a escribir. Nós ademais aproveitamos para pedirlle que nos asinase os exemplares da súa novela.

 
Logo tiñamos previsto ir ver a exposición do centenario de Vento mareiro, pero desafortunadamente retirárona.
 
A seguir visitamos a casa natal de Cabanillas, actual Casa-Museo. Temos que agradecer de novo a atención do Concello de Cambados, pois nestas datas a casa permanece pechada pero enviáronnos especialmente para a ocasión a unha persoa para que nola abrise e nos explicase algúns detalles sobre a vida do poeta cambadés.

 
Xa pola tarde entramos de cheo no roteiro. Fixemos catro grupos e a cada grupo lle correspondeu un percorrido: todos debían visitar os mesmos dez lugares pero en distinta orde.  Aquí tivemos algún atranco (unha forte e persistente chuvia acompañada dun vento bastante molesto), pero logramos saír airosos. Fixemos o que puidemos, aínda que non nos deu tempo a rematar a tarefa.
 
E, finalmente, volvemos para Cerceda, mollados pero satisfeitos e botando contas de cando poderemos repetir a experiencia.

30/11/15

Parque móbil (III)

Os colaboradores de Frank conducen coches máis modestos, agás no caso de Sugar Jones que sempre elixe algún modelo rechamante.

Dalia é propietaria dun Smart,
Poncio conduce una furgoneta Nissan,
e Sugar Jones, que comeza viaxando nun 4x4 e remata nunha limusina branca.
 
 
Con cal te quedarías ti?

27/11/15

Paul Mccartney, "Mull of Kintyre"

No remate do libro Frank viaxa a Glasgow para levarlle as cinzas de Melia ao seu fillo Brendan. Frank decide acompáñalo ata o Mull of Kintyre, un faro do século XVIII situado no sudoeste de Escocia, onde esparexerán os seus restos no Atlántico.

 
Este lugar fíxose famoso pola canción que lle fixo en 1977 Paul McCartney. Aquí tes o vídeo orixinal.
 


22/11/15

Luís Aguilé, "Es una lata el trabajar"

Xa case no remate do libro, cando visitan O Carballiño os protagonistas era día de feira e escoitan nos postos de venda esta canción...

16/11/15

Doa, "A fronda dos cervos"

Despois de coñecer a noticia da recuperación do Códice Calixtino, Frank viaxa a Muros acompañado da voz da soprano Susana de Lorenzo do grupo Doa. Escoita o tema "Verdes herbas" do seu traballo A fronda dos cervos, baseado nas cantigas medievais galego-portuguesas.


13/11/15

Parque móbil (II)

Outros personaxes da novela tamén están asociados con algún coche en especial. Estes son:

Nascimento, que conduce un Jaguar vermello,
Boteiro, que é propietario dun Mercedes 4x4,
Jacinto, que circula nun BMW gris.


12/11/15

Lucio Dalla, "Caruso"

Mentres Melia lembra a súa xuventude, a Frank vénlle á memoria un compañeiro da policía que levaba sempre unha cinta con música italiana. De tanto escoitala xa sabía de memoria cancións coma esta de Lucio Dalla.


Este tema fíxose moi popular tamén na voz dun gran tenor: Luciano Pavarotti. Compara as versións.

11/11/15

Ricardo Cocciante, "Bella sin alma"

A noite que Frank queda con Melia van a un local botar un par de bailes. Unha das cancións que soa tráelle a ela lembranzas de cando era mociña. A cando se remontaba Melia? Escoita a canción e bota contas


06/11/15

Julio Iglesias, "La vida sigue igual"

No karaoke  de Cambados escoita desta volta Frank Soutelo unha versión da canción de Julio Iglesias: "La vida sigue igual", o seu primeiro grande éxito.



Outro dos seus éxitos foi versionado por Macaco para a BSO da película Mortadelo y Filemón: "Me olvidé de vivir"


05/11/15

BSO París. Texas (by Ry Cooder)

Despois da visita a Nascimento na nave, cando Frank sobe ao seu Audia A6 escoita isto:

Paréceche que pode mostrarnos algo dos sentimentos ou dos pensamentos do protagonista nese momento?

01/11/15

Elvis Presley, "Love me tender"

Nun local de Cambados Frank escoita nun karaoke a un home destrozar esta balada de Elvis Presley. Intenta ti cantala...

28/10/15

Parque móbil (I)

Imos facer un percorrido polos automóbiles que aparecen ao longo da novela pois cada un deles está asociado cun personaxe en particular e forma parte da súa caracterización.

Os coches de Frank Soutelo son:
en Estados Unidos:
un Buik Regal do 73, para o día a día,
e un Pontiac Sunfire, para as ocasións.
En Galicia confórmase cun Audi A6.


25/10/15

Fausto Leali, "A chi"

Frank sae no seu coche detrás de Sugar Jones e sintoniza na radio o programa Fondos reservados no que soaba esta canción:


Trátase dunha versión da canción de Roy Hamilton "Hurt".


Cal vos gusta máis?

Frank Sinatra, "New York, New York"

Nun pub da avenida da Mariña de Vilagarcía de Arousa a Frank Soutelo medroulle a melancolía escoitando este tema de Frank Sinatra: New York, New York. Botarías ti de menos esta cidade?

María do Ceo, "Celme encantado"

No capítulo 3 Frank vai de noite dende Cambados a Vilagarcía de Arousa escoitando a María do Ceo...

09/10/15

Achegamento a Cambados

Cambados é o berce de Cabanillas e punto de partida da trama da novela. Este concello ímolo ver máis polo miúdo e de primeira man no roteiro que faremos no remate do trimestre, pero como primeira aproximación válenos este breve vídeo turístico.
 

04/10/15

Uxía, "Meu canto"

No capítulo 2 Frank Soutelo viaxa cara a Cambados acompañado no coche polo son de Uxía Senlle e o seu álbum "Meu canto". Escoita este tema para facerte unha idea do ambiente.

06/09/15

Muros, vila mariñeira

A novela iníciase en Muros, un concello pertencente á provincia da Coruña. Esta vila constitúe o punto máis ao norte das chamadas Rías Baixas. Coñecédela? Imos facer un percorrido polas súas rúas...