15/12/15

Ata pronto, Frank

Só nos queda despedirnos e, por suposto, dar as grazas.

 
 
MOITAS GRAZAS, MIGUEL ANXO

Mollados, pero satisfeitos

Xa está feito. O traballo de todo o trimestre sobre a novela Bícame, Frank remata con este roteiro que levamos a cabo ao longo do día de hoxe.
 
Comezamos moi ben, nas instalacións de Exposalnés cedidas xenerosamente polo Concello de Cambados, mantendo un interesante encontro co autor, Miguel Anxo Fernández, que nos contou moitos detalles sobre a obra (como, por exemplo, que se inspirou para crear o personaxe de Frank na súa madriña, una galega emigrada en Nova York) ou sobre como escribe (sorprendentemente comeza as historias polo final!!!).

O escritor rematou animando ao alumnado a escribir. Nós ademais aproveitamos para pedirlle que nos asinase os exemplares da súa novela.

 
Logo tiñamos previsto ir ver a exposición do centenario de Vento mareiro, pero desafortunadamente retirárona.
 
A seguir visitamos a casa natal de Cabanillas, actual Casa-Museo. Temos que agradecer de novo a atención do Concello de Cambados, pois nestas datas a casa permanece pechada pero enviáronnos especialmente para a ocasión a unha persoa para que nola abrise e nos explicase algúns detalles sobre a vida do poeta cambadés.

 
Xa pola tarde entramos de cheo no roteiro. Fixemos catro grupos e a cada grupo lle correspondeu un percorrido: todos debían visitar os mesmos dez lugares pero en distinta orde.  Aquí tivemos algún atranco (unha forte e persistente chuvia acompañada dun vento bastante molesto), pero logramos saír airosos. Fixemos o que puidemos, aínda que non nos deu tempo a rematar a tarefa.
 
E, finalmente, volvemos para Cerceda, mollados pero satisfeitos e botando contas de cando poderemos repetir a experiencia.